19. mayo 2026
Cando o río soa… troncos leva
En Santiago o refrán xa non é “cando o río soa, auga leva”. Aquí, por desgraza, cada vez semella máis acertado dicir que “cando o río soa, troncos leva”.
Podémosllo preguntar a ese veciño de Conxo que esta mesma semana tivo que recoller el propio os troncos e restos vexetais que apareceron acumulados preto da súa vivenda despois dos traballos de “limpeza” realizados no río. Uns restos que, segundo denuncia, rematan provocando atascos, desbordamentos e inundacións na súa casa cada vez que chegan episodios de choiva intensa.
E non é algo puntual.
Segundo trasladan diferentes persoas da zona, non sería a primeira vez que sucede unha situación semellante. O problema leva tempo repetíndose mentres a veciñanza continúa esperando solucións reais. Incluso despois de reclamacións e avisos realizados ao Concello e de pronunciamientos da Valedora do Pobo relacionados co estado e mantemento de determinados espazos fluviais, a sensación que queda entre moitas veciñas e veciños é a mesma: abandono e falta de responsabilidade.
Porque aquí hai algo que está claro.
A limpeza, mantemento e conservación dos ríos urbanos e das súas beiras non pode converterse nun xogo de escusas nin nunha pelota que se vai pasando dun teclado a outro entre administracións. A responsabilidade de actuar, manter e previr é do Concello, e Santiago non pode seguir permitindo que os seus ríos acumulen lixo, maleza ou restos que terminan xerando problemas ás persoas que viven ao seu carón.
Os ríos non poden ser esquecidos ata que chegan as inundacións.
Facer política municipal tamén é ocuparse destas pequenas grandes cousas que afectan directamente ao día a día da veciñanza. Porque detrás de cada inundación hai persoas, vivendas, perdas materiais e unha sensación de impotencia que xa dura demasiado tempo.
Santiago merece ríos limpos, mantidos e seguros. E a veciñanza merece respostas.
Diego Adrián Mallo
