
A Compostela que eu quero
Eu son desas persoas que sempre buscan o lado positivo das cousas. E desta vez non ía ser menos.
Despois dunha grave rotura na perna e dun despedimento presuntamente improcedente —que aínda terán que determinar os xulgados, aínda que despedir a unha persoa estando de baixa moi procedente non soa—, a vida regaloume algo que ás veces esquecemos que tamén é importante: tempo. Tempo para pensar. Tempo para mirar arredor. Tempo para preparar o Santiago co que levo anos soñando e que quero facerlle ver á veciñanza desta cidade.
Porque eu soñei —e sigo soñando— cun Santiago que recupere ese orgullo picheleiro que foi perdendo pouco a pouco. Un Santiago limpo, seguro, co mantemento digno da cidade que somos. Porque ás veces parece que moitos políticos desta lexislatura esqueceron algo fundamental: Santiago de Compostela é a capital de Galicia.
Aínda me acordo de cando era neno e ía coa miña avoa —que foi quen me criou— ver os Reis Magos, vivir a Semana Santa, gozar do Entroido, pasar horas no NadalXogo do Multiusos durante as vacacións de Nadal ou disfrutar da Ferradura Aberta na Alameda durante o verán. Tamén lembro aquelas concentracións de vehículos antigos no Obradoiro. Que feliz era… e nin sequera o sabía.
Eu quero volver a esa Compostela na que a xente se sentía orgullosa da súa cidade. Unha Compostela onde as persoas poidan vivir mellor, sentirse seguras, escoitadas e felices. Unha cidade na que, se unha veciña ou un veciño ten un problema, o político de turno non tarde meses en escoitalo nin en resolvelo.
Quero unha Compostela moderna, preparada para transformarse nunha gran cidade dixital, que remate coas eternas esperas e coa burocracia interminable en Raxoi. Quero unha administración áxil, próxima e útil.
E, sobre todo, quero seguir sendo o mesmo de sempre. Quero que as veciñas e os veciños me vexan pola rúa e non teña que andar agochado nin rodeado de distancias artificiais. Quero parar, saudar, escoitar e intentar resolver eses problemas do día a día que ás veces parecen pequenos, pero que son enormes para quen os sofre.
Porque a política municipal non debería ir de sillóns nin de despachos. Debería ir de persoas.
E eu teño claro para que quero estar aquí: para devolverlle a Compostela parte de todo o que Compostela me deu a min.
